Saturday 20 de April de 2024

San Sadurniño encara a recta final do seu programa anual de reparacións viarias


Na obra pública hai unha máxima que todas as empresas cumpren: se chove, non se asfalta nin se aglomera. Disque é por causa de que traballar en días de auga repercutiría negativamente na calidade da mestura e, en consecuencia, tamén na durabilidade da pista. En San Sadurniño iniciáronse hai unhas semanas os traballos de reparación de varios eixos con cargo ao POS provincial e ao Plan de Camiños da AGADER. En primeiro lugar fixéronse labores preparatorios de limpeza de cunetas e marcado dos trazados. A maquinaria pavimentadora debería ter funcionado a todo trapo na recta final do verán facendo o choio en cada zona todo dun tirón. Porén, o tempo treboento que tivemos días atrás e a incerteza sobre cando virían días enxoitos demorou máis do debido unhas obras que, porén, agora marchan a bo ritmo.

Esta mesma mañá, sen ir máis lonxe, a construtora José No Mantiñán e Hijos apuraba o aglomerado dos 1,4 quilómetros do eixo comprendido entre a Golpilleira e Moimentos, en Santa Mariña do Monte, que agardan deixar completado entre hoxe e mañá e a previsión de rematar a obra proximamente co pintado da sinalización horizontal e a instalación da vertical.

Hai uns anos o Concello xa lle dera máis larganza a esta pista que conecta coa estrada provincial e agora o que se está facendo é renovarlle o firme cambiándoo por outro máis duradeiro que, ademais, é o mesmo que teñen outras estradas municipais da zona executadas en campañas anteriores, como por exemplo a que enlaza con Narón, a que vai desde Os Cazadores até o límite con Moeche pasando polo Camiño Arriba, o trazado desde a Golpilleira até Castrelo ou o que conecta este último lugar co da Veiga pasando por Cabanela.

Outros aglomerados que xa quedaron listos foron os dous previstos en Naraío, executados xusto antes das treboadas de hai unhas semanas. Alí reparáronse dúas pistas: a que sobe desde Lourido até Quintiá (1,6 Km) -coa que se completa a reparación de todo o percorrido desde o Eirexado até o límite coa Capela- e a que baixa desde a Longra até Riolimpo, de 615 metros, á que tamén se lle incrementou o largo medio. Esta última reparación terá continuidade proximamente desde Riolimpo ao Castelo, por medio dun proxecto cuantificado en algo máis de 61.000 euros, ive incluído, que se encontra nestes momentos no proceso de avaliación de propostas presentadas polas empresas licitadoras. A previsión é que se adxudique e se leve a cabo antes do remate do outono.

Do paquete de reparacións con aglomerado programadas inicialmente para este 2021 só quedarían os 455 metros que van desde a Sanguiñeira até A Torre, en Bardaos, onde está proxectada tanto a renovación do firme como a construción dunha senda peonil. Tamén se agarda comezar en cuestión de días.

Estes proxectos de obras suman un importe total de adxudicación lixeiramente superior aos 186.000 euros. Os de Naraío e Bardaos fináncianse con fondos provinciais, mentres que a reparación da Golpilleira a Moimentos conta coa axuda do Plan de camiños da AGADER.

Asfaltados en pistas
Se o tempo é propicio tamén se prevé comezar proximamente co acondicionamento de varias pistas que o Concello agrupou nunha única licitación. Trátase da pavimentación dun tramo en Portolamas, outros dous nos lugares da Curuxa de San Sadurniño e Igrexafeita e unha actuación no Chao de San Cristovo. O prezo de adxudicación situouse nos 26.990 euros.

Dentro do apartado de asfaltados tamén entrou o mantemento puntual de pistas para alongar a súa vida útil que se levou a cabo durante o verán, coñecido como “plan de rebacheos”. Os traballos chegaron a unha pista de 700 metros que enlaza A Fraguela coas Costeiras e noutra de case 400 que vai desde a Lamestra até o Outeiro, en Igrexafeita. Tamén se lle deu un tratamento superficial ao camiño que conecta Pedramaior coa Picheira -1.307 m- e acondicionouse un camiño público duns 125 metros que lle dá servizo a unha vivenda situada no lugar do Castelo, en Naraío.

Canda estas obras de substitución do firme e de limpeza das cunetas, no programa tamén se incluíu o tapado de baches en Sabanda, entre a Esperanza e a Pereira e da Lobeira á Golpilleira, en Santa Mariña, ademais de intervir na Laxe (Lamas) e na pista que vai desde Vilanova ata o límite con Moeche.